Thursday 19 de September de 2024

Esta fin de semana toca mercar na Pobra nunha nova edición do Comercio na Rúa


As tendas sacarán os seus produtos á praza do Emigrante cunha nova edición do Comercio na Rúa, que se desenvolverá do día 9 ao 11 de agosto. Veciñanza e visitantes poderán atopar un nutrido número de artigos: téxtil, calzado, alimentación, artesanía…

 

Con esta iniciativa, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal pretende poñer en valor o pequeno comercio no seu conxunto. “Queremos incentiva-las compras no comercio de quilómetro 0, servir de escaparate para moitos destes locais, tecer redes comerciais, destaca-la atención personalizada e o trato próximo”, salienta a edil Amparo Cerecedo.

 

Esta convocatoria creceu en participación e heteroxeneidade, pois pasou dos 5 establecementos do anterior ano aos 13 do actual, tanto da Pobra do Caramiñal coma doutros municipios: Mandarina, Mi Barquito de Papel, El Armario de Mi Amiga, Fina Campaña, Burbujas, Paino Maina, Inés Marcos, Azafrán, Lusco Fusco e os artesáns e as artesás Noites de Datura, Flow de Meiga, Jéssica Tahim e Mil Colores. Os postos nos cales se asenten durante estas xornadas terán unha coidada estética que contribúa a unha óptima imaxe comercial.

 

Tamén haberá un stand de trocos de artigos e outro con recomendacións para, por exemplo, o coidado da roupa.

 

A afluencia nesas datas avivarase con diversos obradoiros de balde: ópera e break dance (venres, 9, ás 21.00 horas, con Esperanza Mara e A Vella Escola, financiada pola Secretaría Xeral da Lingua, dentro do programa FalaRedes), tai-chi (no sábado, 10, das 11.00 ás 12.00 horas, con Sergio García), bailes latinos (no sábado, 10, das 21.00 ás 22.00 horas, con Tania Dorca), swing (no sábado, 10, das 22.00 ás 23.00 horas, con Carlos Tomico), ioga (no domingo, 11, das 11.00 ás 12.00 horas, con Punto Zen Yoga Estudio) e baile tradicional (no domingo, 11, das 12.00 ás 13.00 horas, con Arrancadeira). Requírese a preinscrición a través do enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com, se ben tamén haberá prazas dispoñibles nos propios talleres.

 

A inauguración terá lugar no venres 9, ás 20.30 horas, e o horario de apertura será no venres 9, das 20.30 ás 23.00 e no sábado 10 e domingo 11, das 11.00 ás 23.00 horas.